Miles de traballadores toman as rúas de Compostela

Os traballadores e traballadoras da Administración de Xustiza están protagonizando unha loita histórica. O 7 de abril cumpríronse dous meses dende o inicio da folga indefinida. Ese día miles de persoas venidas de todo Galicia tomaron as rúas de Compostela para esixir que se cumpran as súas reivindicacións. O seu aguante, capacidade de sacrificio e resistencia, son un exemplo para a toda a clase traballadora. Porque ademais da perda de cartos pola longa folga, teñen que soportar as mentiras dos medios de comunicación financiados pola Xunta e as provocacións e insultos dos portavoces do PP. Dende o Sindicato de Estudantes e Esquerda Revolucionaria queremos felicitar a tódolos empregados de Xustiza e poñernos a súa disposición para axudar a difundir a súa loita.

Os traballadores e traballadoras loitan pola reversión dos recortes sufridos, o incremento de persoal, a equiparación salarial, a eliminación dos descontos por IT e que se retribúa o exercicio de funcións de categoría superior. Mellorar as condicións laborais no sector e dotarlle de medios suficientes significará sen dúbida maior calidade do servizo público. A Xustiza galega é unha das máis colapsadas do Estado. Por iso, a súa loita é tamén a de todos.

Ante a convocatoria de folga, a Xunta respondeu, como sempre, con prepotencia e máis ataques. A primeira medida que adoptou o PP foi unha resolución de non autorización de días de asuntos propios nin vacacións durante o mes de febreiro, e a revogación dos permisos concedidos. Ademais de prepotencia, a Xunta demostrou que subestimaba a capacidade dos traballadores para loitar polos seus dereitos. Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta, instou aos funcionarios a emigrar a outra comunidade se aquí non estaban contentos e negouse a participar na mesa de negociación se non desconvocaban a folga. Esta soberbia, lonxe de amedrentar aos traballadores, elevou a moral de loita polos seus dereitos e a súa dignidade, e puxo en evidencia o verdadeiro carácter deste personaxe. O PP tamén conta con outras armas: La Voz de Galicia, primeira beneficiaria de subvencións da Xunta -diñeiro que sae do peto de todos- retorceu a realidade ata transformar un acto de solidariedade en que os folguistas doaban 300 quilos de alimentos a un comedor social, nun acto en que eran eles os perceptores. Os medios tamén obvian que a suba de 180 euros ao mes que supón a equiparación salarial, é a tres anos e non nun só. Moi lonxe por certo dos 560 e 720 euros ao mes que si conseguiron Policía e Gardas Civís. Núñez Feijoo, tentando superar ao seu golfiño Rueda, tratou de confrontar vergoñosamente a parados e pensionistas con funcionarios: “Como explicarlles que non hai diñeiro para subirlles a eles e si aos funcionarios”. E isto o di o mesmo que asegurou descoñecer a que se dedicaba o seu amigo o narco Marcial Dourado, e que non tivo reparos en afirmar que a súa suba salarial do 7,5% en 2017 non era, en realidade, unha suba.

O PP volve atravesar unha situación crítica: os casos de corrupción, que amosan a vida de luxo obsceno e os privilexios desta xente (como o escándalo do máster de Cristina Cifuentes), volven atenazalos. O pobo catalán non se rendeu e segue loitando contra as medidas franquistas que o Goberno intenta impoñerlles. A muller traballadora estoupou e o 8 de marzo deixou ben claro que o Goberno é o seu inimigo. E por último, os pensionistas enchen as rúas indignados pola “suba” do 0,25% mentres eles rouban a mans cheas.

Este é o contexto no que se produce esta impresionante folga. Ter aguantado todo este tempo xa é unha vitoria dos traballadores. Pero ademais, esta loita pode marcar un antes e un despois: unha vitoria demostraría que se pode vencer á dereita e aos empresarios e daría grandes folgos para loitar a outros sectores que están sufrindo os mesmos problemas que os compañeiros de Xustiza.

O PP está moi débil, e se está no goberno é pola falta de oposición política e a paz social imposta artificialmente polos dirixentes sindicais. O gran sacrificio dos traballadores de Xustiza, xunto á situación política xeral permite vencerlles. É o momento de unificar todas as loitas nunha gran folga xeral para sacudirnos de enriba a este goberno de corruptos e millonarios.

banneringles

banneringles

banner

banner

banner

banneringles

banneringles

bannersindicalistas

bannersindicalistas