Os estudantes galegos xogámonos moito o 19 de xuño. Quince anos de Fraga deterioraron enormemente o ensino público, que é ó que asistimos maioritariamente os fillos dos traballadores.

Recibir un ensino digno e de calidade é un dereito fundamental para nós. A xeración dos nosos pais loitou contra a dictadura franquista para lograr que nós puidésemos acceder ós estudos superiores. Hoxe, esas conquistas están sendo salvaxemente atacadas. Á burguesía non lle interesa nada a nosa formación. Para eles, “sobran licenciados” e por iso tentan obstaculizar a nosa chegada á universidade de mil xeitos: reválida, selectividade, probas de acceso a cada facultade, recorte de bolsas... Agora, coa reforma das carreiras universitarias, queren que só estude quen poida costearse un máster (o postgrao é en realidade iso).

Só un ensino público, de calidade e gratuíto pode garantir que os fillos dos traballadores accedamos á universidade. Pero lonxe de avanzar nesta dirección, as diferentes Xuntas de Fraga foron na oposta: privatización do ensino e deterioro constante dos centros públicos.

Un recente estudo de CIG-Ensino demostraba que, desde a chegada de Fraga á Xunta, as subvencións ó ensino privado incrementáronse nun impresionante 421’4%. Mentres, moitos colexios e institutos públicos caen a cachos ou non teñen calefacción.

A estratexia da Xunta é evidente: deixar morrer o ensino público e regalar millóns de euros (casi douscentos en 2005) ós empresarios do ensino privado concertado (que veñen sendo as institucións relixiosas).

Os cartos da Xunta permítenlle ó ensino privado dispor de servizos dos que en moitos casos carece o público (comedor, transporte escolar, actividades extraescolares). Isto está facendo que moitos pais envíen os seus fillos ó privado, onde, aínda que é ilegal, vense obrigados a pagar todo tipo de “aportacións voluntarias”. Mentres, os centros públicos perden alumnado e son obrigados a pechar. Isto non se debe á “caída da natalidade”, senón a unha estratexia consciente da Xunta. Algúns exemplos: en Ourense desde 1998 pecharon 10 unidades no ensino público e abríronse 14 no privado; en Lugo pecharon 22 unidades públicas e ningunha privada, etc.

Na FP, a situación aínda é peor: a oferta privada de ciclos formativos de grao medio triplica a pública: 2.442 prazas fronte a 708.

Pero só o ensino público pode garantir unha educación de calidade, gratuíta e científica. Polo contrario, os centros privados caracterízanse polo adoutrinamento relixioso, a selección de alumnos, a discriminación por razón de sexo, o cobro ilegal de servizos, a masificación, a falta de dereitos democráticos (tanto para alumnos como para profesores), os abusos empresariais e un longo etcétera. O dono dun instituto privado quere facer cartos, non garantir un ensino de calidade para os seus “clientes”. É un empresario máis.

Só a escola pública, con suficientes recursos, pode rematar co fracaso escolar, dar unha atención individualizada ós alumnos, loitar por que aqueles con maiores problemas accedan ós estudos superiores (con profesores de reforzo, desdobres, psicólogos, adaptación curricular...), garantir instalacións, equipamentos, materiais, etc. suficientes e garantir a total gratuidade (transporte, libros, actividades extraescolares...). Pero para iso, loxicamente, os orzamentos para o ensino público teñen que aumentar enormemente.

O primeiro paso debe ser o rematar cos concertos educativos e integrar todos os alumnos na rede pública. De feito, dada a política de abandono que sufre, a rede pública ten hoxe moitas prazas vacantes, polo que sería perfectamente factible escolarizar nela, sen necesidade de construír máis aulas, a gran parte dos alumnos do ensino privado (en Vigo, a rede pública pode absorber inmediatamente a terceira parte dos alumnos de Primaria na concertada e o 26% dos da ESO; en Ourense, ó 40% da Primaria e o 38% da ESO).

De feito, se os case 200.000.000 de euros que hoxe a Xunta regala ó ensino privado se destinasen ó público, todos os centros poderían contar con transporte, comedor e libros gratuítos. Este sería un primeiro paso moi importante. Por suposto, sería tamén necesario aumentar os orzamentos educativos ata o 7% do PIB, como desde sempre reivindica o Sindicato de Estudantes. O rematar os estudos o panorama desacouga. Cada ano, 20.000 mozos abandonan Galiza para buscar traballo. Dende o SE esiximos un posto de traballo digno para todos os estudantes ó rematar os estudos ou un subsidio de desemprego indefinido ata atopalo.

Durante as loitas da LOU, na Folga Xeral do 15-X e 20-X, na loita contra a guerra imperialista e, ante todo, durante o escándalo do Prestige, a mocidade dixo moi alto: Non á dereita e ó sistema que defende, o capitalismo. Nestas eleccións, os mozos, xunto os traballadores podemos derrubar a Fraga. Unha Xunta de esquerdas podería empezar a resolver os problemas educativos que hoxe padecemos. Pero ninguén nos regalou nada nunca. Sabemos ben que votar non abonda, hai que organizarse e loitar

Por iso, unha vez botado Fraga, temos que esixir á nova Xunta que aplique as medidas sinaladas e unha política en beneficio da maioría da sociedade.

banneringles

banneringles

banner

banner

banner

banneringles

banneringles

bannersindicalistas

bannersindicalistas