HAI QUE CONTINUAR A LOITA CUNHA FOLGA XERAL DE 48 HORAS
Os traballadores e estudantes franceses marcan o camiño
A pesar de producirse nun contexto de enorme chantaxe patronal nas empresas, con ameazas xeneralizadas de despedimento nunha situación de desemprego masivo, a folga xeral do 29 de setembro foi un claro éxito e unha demostración da capacidade de loita e da forza da clase obreira. A manipulación dos medios de comunicación, tratando de negar ou minimizar o alcance do 29-S, non cambia esta realidade.
Nos sectores claves, a folga tivo un seguimento amplísimo, particularmente nos polígonos industriais, onde o paro foi practicamente total. Tamén pararon os mercados maioristas de alimentación. No transporte público, a folga foi xeneralizada na maioría das grandes cidades: Medios de comunicación como Canal Sur, TV3 e, sobre todo, Telemadrid, un dos principais vehículos da hostil campaña da dereita contra a folga e contra a organización sindical dos traballadores, non puideron emitir. Nos transportes, o seguimento foi tamén moi elevado. En Galicia e Asturias, a folga foi moi intensa, afectando non só á industria, onde foi total, senón incluso ó pequeno comercio, que pechou de forma bastante xeneralizada. En Cataluña, onde se concentra o 20% da produción industrial, a folga foi tamén un éxito rotundo, o mesmo que en Andalucía e no País Valencià. Só en Euskadi, pola división sindical e a non convocatoria de ELA-STV e LAB, a folga tivo un seguimento parcial.
O recurso á "relativa normalidade do pequeno comercio", para trazar un falso panorama de fracaso da folga, é un argumento clásico da manipulación informativa. Precisamente no pequeno comercio concéntranse moitos dos traballadores extremadamente precarizados, onde non existe nin albisco de organización sindical, para os que secundar a folga equivale a despedimento automático. O mesmo pódese dicir respecto ó menor seguimento da folga na administración pública e no ensino obrigatorio, que ten moito que ver cos erros moi serios dos dirixentes sindicais nestes sectores nos últimos anos. En todo caso, as aulas estiveron baleiras porque os estudantes secundaron a folga masivamente, no que o Sindicato de Estudantes xogou un papel moi importante.
Outro punto a ter en conta no balance é a coacción policial, moi importante en determinados sectores, como o transporte público ou os grandes centros comerciais. Foi particularmente escandalosa a actuación da policía na fábrica de EADS de Getafe, onde disparou sete tiros ó aire contra os piquetes.
Os datos demostran que a folga tivo un seguimento igual (e nalgúns sectores claramente superior) á do 20 de xuño de 2002 contra o decretazo do PP. A pesar dos intentos de manipulación da directiva de Red Eléctrica de España, denunciados por CCOO, a caída do consumo eléctrico rexistrou un descenso do 20% ás 13:10 h. e do 22% ás 18:00 h. do 29 de setembro, porcentaxes superiores á folga xeral do 2002. Segundo CCOO e UGT, a cifra de traballadores que secundaron a folga foi de 10 millóns, o 71'3% dos asalariados.
Indiscutiblemente, un punto clave da xornada, que redondeou o éxito do paro, foron as manifestacións masivas: máis dun millón e medio de persoas saíron á rúa, destacando unha importante presenza de traballadores novos. Esa participación masiva nas manifestacións demostra a disposición á loita que existe entre a clase obreira e a mocidade.
Os dirixentes sindicais deben facer como en Francia: continuar a loita cunha folga xeral de 48 horas
A folga foi un éxito a pesar da política equivocada que os dirixentes de CCOO e UXT teñen practicado nos últimos anos. Na preparación da folga, os aparatos sindicais deron probas de estar moi enferruxados: faltaba confianza á hora de realizar unha masiva campaña de asembleas e, sobre todo, houbo unha insistencia constante no diálogo social. Os dirixentes de CCOO e UXT teñen que ser moito máis claros se queren conectar co sentimento e as aspiracións dos millóns de traballadores que secundaron a loita activamente o 29-S: o obxectivo da mobilización non poder ser a recuperación dun diálogo social que ó longo destes anos o único que fixo foi avalar os recortes; o obxectivo é a completa retirada das medidas de ataque, tanto da reforma laboral como doutras medidas que están por aprobar, como a reforma das pensións. Deberían dicir ben alto, e demostralo con feitos, que só volverán á mesa de negociación se o goberno retira os ataques que aprobou e os que ten anunciado. Negociar retoques cosméticos ou aspectos parciais é un grave erro, que ademais provocaría unha caída da credibilidade dos dirixentes sindicais no conxunto do movemento obreiro.
A única maneira de facer que o goberno retroceda é que o movemento de resposta da clase obreira e da mocidade alcance tal amplitude e consistencia que se transforme nunha rebelión social. É obvio que o 29-S non foi suficiente para obrigar ó goberno a rectificar, pero iso en absoluto quere dicir que non servise para nada, como se está insistindo desde os medios de comunicación co fin de desmoralizar ós traballadores. A folga serviu para moito, empezando por demostrar a forza da clase obreira. Agora, o máis importante é que os dirixentes de CCOO e UXT dean unha resposta rápida e contundente á negativa do goberno a retroceder nos seus plans. Pero esa resposta non pode ser a Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) que se anuncia para que o parlamento volva a discutir o texto da reforma laboral. Imos ser claro: a ILP non vai cambiar nada substancial. A única forma de obrigar ó goberno e ó parlamento a retroceder é mediante a acción masiva e organizada na rúa. A clase obreira e a mocidade só poden confiar nas súas forzas para vencer. O exemplo de Francia demostra claramente que existen condicións para xerar un movemento ascendente e continuado no tempo, incorporando a cada vez máis sectores e de forma máis organizada, creando comités de folga elixida en asembleas en todas as fábricas, institutos e facultades, e coordinalos para dar maior amplitude e profundidade á mobilización. CCOO e UXT deberían continuar a loita convocando xa outra folga xeral de 48 horas. Así mesmo, hai que facer confluír a loita en toda Europa porque os ataques son os mesmos en todas partes. A burguesía está unida e nós debemos unirnos tamén.
A loita contra estes ataques está ligada á loita contra o capitalismo. O derradeiro recurso dos burgueses e de todos os que defenden este sistema en decadencia é recoñecer cinicamente o sacrificio que para a maioría da poboación implican estas medidas de ataque, para a continuación retar ós traballadores coa seguinte pregunta: ¿cal é a vosa alternativa? A esta pregunta hai que contestar claramente e sen ambigüidade: a crise do capitalismo non se pode resolver con máis capitalismo. Hai que dicir alto e claro que se pode crear emprego e manter e aumentar o gasto social, pero para iso hai que acabar co control asfixiante que os banqueiros e os grandes monopolios exercen sobre a economía e a sociedade. O capitalismo está enfermo e hai que opoñerlle a loita por unha sociedade socialista, sen propiedade privada dos medios de produción, onde a clase traballadora planifique democraticamente as enormes riquezas que existen para poñelas ó servizo de todos.
O 29-S foi un éxito, e agora debemos aproveitalo fortalecendo ó máximo a organización da clase obreira, continuando a mobilización ata obrigar ó goberno a retroceder, e defendendo unha alternativa autenticamente socialista á crise do capitalismo. ¡Únete a El Militante para loitar!
ACTO PÚBLICO
Día: XOVES 28 DE OUTUBRO
Hora: 7 da tarde
Lugar: A LIBRERÍA MARXISTA (rúa Pontevedra, 18 • Ferrol)
www.elmilitante.net