Tras 27 xornadas de loita no metal de Pontevedra, os dirixentes sindicais desconvocaron a folga e os traballadores volveron ás empresas sen que se asinase o convenio. É unha derrota, aínda que sexa temporal. ¿Puido haber outro resultado?

 

Tras 27 xornadas de loita no metal de Pontevedra, os dirixentes sindicais desconvocaron a folga e os traballadores volveron ás empresas sen que se asinase o convenio. É unha derrota, aínda que sexa temporal. ¿Puido haber outro resultado?

Heroísmo dos obreiros

A folga do metal foi sen dúbida o conflicto laboral máis importante que aconteceu no Estado español no que vai de ano.

Nun contexto económico de crise, desemprego e ataque continuo dos empresarios aos dereitos dos traballadores, os máis de 27.000 traballadores do metal de Pontevedra protagonizaron unha folga ofensiva absolutamente impresionante. En 27 ocasións, milleiros e milleiros de traballadores (electricistas, caldeireiros, soldadores, mecánicos... novos e maiores) tomaron literalmente a cidade olívica.

A participación foi masiva. Todos os obstáculos foron superados: a fragmentación do sector en más de 2000 empresas; as ameazas de despedimento; o medo ó desemprego, a enorme perda de salario, a montaña de lixo que botou a prensa burguesa, as cargas policías contra os piquetes...

A disposición dos traballadores a chegar até o final é un feito innegable: moitos tiveron que renegociar o pago da hipoteca ou pedir un crédito porque querían resistir fose como fose, para derrotar á patronal. O ánimo, a confianza, o sacrificio e incluso o heroísmo foi a tónica dominante até o final. Traballadores feridos pola policía e levados ó hospital, saían del e voltaban de inmediato ós piquetes, sen sequera pasar pola casa.

Milleiros e milleiros participaron tódolos días, dende as 6 da mañá (as veces dende antes) en piquetes e asembleas de masas na praza do concello, baixo a choiva e tamén baixo un sol de xustiza. Máis de dous mil camiñaron durante dous días até Compostela, desfacéndose os pes no camiño. Ninguén pode facerlle ningún reproche ós traballadores, que o deron todo polo triunfo da folga. Demostraron durante case un mes a súa predisposición a chegar até onde fixera falta. Pero para gañar unha guerra fan falla dúas cousas: soldados dispostos a dalo todo, e xenerais cunha estratexia axeitada. Do primeiro houbo dabondo, pero do segundo, non.

O obxectivo real da patronal

Seica de forma máis clara aínda que noutros conflictos laborais, neste amósase con total claridade que foi a chantaxe dos empresarios o que obrigou ós traballadores a saír a rúa. A patronal leva anos mexando por riba dos traballadores dun xeito indignante. En primeiro lugar, incumprindo o convenio de 2006 (sobre todo no tocante á contratación no naval). Este feito xa obrigou ós traballadores a ter que volver a perder varios días de soldo en 2007 ó ter que saír á folga para esixir o que a lei di: que o convenio se cumpra.

Pero ademais, a visceralidade patronal antes e durante este conflicto non ten precedentes: xuntanza de 800 empresarios para dicir que estaban fartos dos sindicatos; ameazas de levarse as fábricas a Portugal, anuncio da quebra inminente dos estaleiros "por culpa da folga", despedimentos a esgalla...

E non é casualidade: a patronal sabe que os traballadores do metal de Pontevedra son un exemplo en todo Galiza e mesmo no resto do Estado. Para eles, derrotar ós obreiros é unha prioridade política para así desmoralizar ó resto da clase obreira. De feito, a patronal perdeu moitos máis cartos coa folga, como eles mesmos recoñecen, do que terían perdido (o mellor dito, de que terían recortado dos seus astronómicos beneficios) se tiveran aceptado a suba salarial proposta polos sindicatos.

Por suposto, a patronal non estivo soa no seu intento de dar un escarmento ó conxunto da clase obreira: contou co total apoio da prensa burguesa (que, como empresas privadas que son, teñen solidariedade de clase cos seus irmáns do metal) e coa bendición do PP, partido que é o representante político directo da burguesía. A Xunta dende un principio se posicionou a prol dos empresarios e pediu aos traballadores que renunciasen ás súas reivindicacións. A proposta dos mediadores da Xunta coincidía case coa da patronal.

Por iso, non se entenden as chamadas dos dirixentes sindicais para que a Xunta mediase no conflito, como se un goberno de dereitas puidese ser un árbitro neutral.

Falta de estratexia por parte dos dirixentes sindicais

Porén, a estratexia marcada polas direccións sindicais, lamentablemente foi errática, sobre todo a partires do día 12 de xuño, xornada na que, correctamente, estenderon a folga ás empresas da provincia con convenio propio.

Nese momento, a forza e unidade dos traballadores puxo moi nerviosa á patronal e provocou a aparición de divisións no seu seo. Así, o clúster da automoción manifestou que a actitude dos empresarios estaba sendo demasiado inflexible e o director xeral de Barreras desmarcouse desa postura de cerrazón.

Podíase gañar. A patronal estaba a retroceder. Era o momento de estender o conflicto. Unha folga do metal de toda Galiza, que era perfectamente posible, teríalle feito un gran dano á patronal. Eles verían que cada día que pasaba o conflicto facíase maior. Esta idea foi explicada nas follas repartidas ós traballadores polos marxistas agrupados no xornal obreiro "El Militante".

Pero no canto de dar un paso adiante, implicando na mobilización a todo o metal galego coa convocatoria dunha folga xeral do sector, os dirixentes sindicais de CIG, CCOO e UGT decidiron reducir a mobilización a 4 horas diarias, argumentando que a folga estaba repercutindo moi negativamente non peto dos traballadores, aínda que até ese momento non había sinais disto e os traballadores resistían sen fisuras.

Dous días máis tarde, os sindicatos tiveron que recuperar a folga indefinida ante a presión dos traballadores que vían que o repregamento só servira para dar folgos á patronal, que se retirou da mesa de negociación o día 16.

Estes bandazos non contribuíron a reforzar a posición dos sindicatos, sementaron confusión e deron a impresión de que se carecía dun plan serio de mobilización.

Para gañar unha loita precísase unha estratexia e tácticas claras, unha planificación do conflito con pasos adiante que contribúan a implicar a cada vez máis traballadores e a estender a mobilización . Sen embargo, as direccións sindicais non actuaron así, senón que ían planificando a loita día a día e revisando continuamente a estratexia sobre a marcha, mesmo con pasos cara atrás. Tras varios días de folga, nos que a patronal non cedía, a única proposta sindical foi... repetir o mesmo que os días anteriores. Como moitos traballadores vían, se non se ía para adiante, o final iríase para atrás.

Os dirixentes sindicais non quixeron estender a folga ó metal galego, a pesar de que esa idea estaba calando nas asembleas. Por aí pasaban as posibilidades de gañar a folga. E se esa medida non dobregaba á patronal, existía outra: os sindicatos poderían ter anunciado a convocatoria dunha folga xeral en toda Galiza unindo as reivindicacións concretas do convenio do metal con outras moi sentidas por todos os traballadores, como a loita contra os despedimentos e contra a redución salarial. Conseguiríase así implicar a máis sectores afectados pola crise. Ante esta perspectiva, a Xunta e o resto da burguesía galega terían collido polo pescozo ós seus chicos de Pontevedra para obrigarlles a asinar o convenio, co fin de evitar males maiores. Ademais, unha folga xeral en Galiza contribuiría, como a de Euskal Herria do pasado maio, a preparar o terreo para unha folga xeral en todo o Estado contra a crise xerada polo capitalismo.

Mais a estratexia de amagar e non dar só serviu para dar azos á patronal.

A desconvocatoria

Trala marcha a Compostela (29 e 30 de xuño), a sensación de que os dirixentes sindicais carecían dun plan e dunha estratexia empezou a calar seriamente entre os traballadores. Á volta da camiñada, a única proposta enriba da mesa era volver ó de antes. Para colmo, poucos días atrás, os dirixentes de UGT e CC.OO xa amagaran coa posibilidade de desconvocar, o cal foi unha inxección de moral para a patronal e un auténtico mazazo para os traballadores.

Os dirixentes da CIG plantexaban, correctamente, manter a folga, pero sen dar absolutamente ningunha perspectiva. Obviamente, neste contexto, un sector minoritario dos traballadores, xa moi afectados pola perda de salario durante tres semanas, vendo a desunión sindical e percibindo claramente a falta dunha estratexia para estender o conflicto, empezaron a voltar ó traballo, fundamentalmente nas comarcas de Arousa e Pontevedra. A retirada deste sector de traballadores é exclusivamente responsabilidade dos dirixentes sindicais, que se negaron a estender o conflicto, a dar unha orientación clara e desaproveitaron o inmenso sacrificio feito até ese momento.

A dirección de UGT aproveitou o paso atrás dado por este sector de traballadores para desconvocar a folga, o que serviu como escusa á dirección de CCOO para chamar ós seus afiliados a volver ó traballo.

Ante isto, a CIG, carecendo dunha estratexia que convencese ós traballadores da posibilidade de gañar, desconvocou a folga o 7 de xullo.

A CIG foi o último sindicato en desconvocar, pero a responsabilidade da súa dirección na derrota, ao ser o sindicato maioritario no metal, é moi grande. Non aproveitaron o ambiente extraordinariamente combativo dos traballadores durante as tres primeiras semanas de folga. Desgraciadamente, a súa falta de estratexia fixo que o enorme sacrifico dos traballadores fose desaproveitado.

A impresionante capacidade de mobilización do metal, a disposición dos traballadores a dar a batalla até o final son a mellor proba de que cun plan de mobilizacións serio e unha perspectiva de estender o conflito, a folga podía gañarse

E agora qué?

O conflito segue aberto, xa que as negociacións están paralizadas e o convenio segue sen asinarse, mais a perspectiva de acadar as reivindicacións plantexadas polos sindicatos e hoxe moito máis difícil, tendo en conta que desapareceu a presión nas rúas e o comprensible estado de desánimo que temporalmente sofren os traballadores.

Malia a paralización temporal do convenio, moitos son os "flecos" que quedan pendentes e ós que os dirixentes sindicais teñen a obriga de facer fronte con todos os seus medios, que non son poucos, de inmediato: anulación de todos os despedimentos ilegais durante a folga, pago das nóminas de xuño adebedadas, facer fronte á vaga de multas que anunciou o subdelegado do Goberno en Pontevedra. Os dirixentes sindicais deben organizar xa mesmo unha campaña pola dimisión inmediata do subdelegado, caracterizado pola súa política represiva máis salvaxe contra os estudantes, os movementos veciñais e os traballadores.

Estas campañas poderían empezar a servir para recompoñer a moral e reagrupar as forzas. Pero o requisito fundamental para non caer no desánimo é comprender o ocorrido. ¡Os traballadores dérono todo! O conflicto puido gañarse, pero fallou a estratexia dos dirixentes sindicais (ou, máis ben, non tiveron ningunha estratexia).

É necesario que os traballadores debatan os motivos da derrota. A conclusión á que un sector irá chegando é que precisamos outro modelo sindical e dirixentes coas ideas claras e á altura das circunstancias. Nun contexto de profunda crise do sistema capitalista como a actual, calquera modelo sindical carente da perspectiva de derrocar o capitalismo está condenado a fracasar porque o sistema necesita arrebatarnos todas as conquistas arrancadas coa loita do movemento obreiro ó longo da historia. Só as ideas do marxismo revolucionario poden orientar cara a victoria as loitas dos traballadores porque só as ideas do marxismo revolucionario ofrecen unha alternativa para destruír o capitalismo.

banner

banneringles

banner

banner

banner

banneringles

banneringles

bannersindicalistas

bannersindicalistas