Entrevista a Manu Andión, delegado da CIG-Ensino e militante de Esquerda Revolucionaria

“A folga do 24 é un paso necesario, pero precisamos un plan de loita ascendente que teña un obxectivo: reverter os recortes e acadar máis dereitos”.

O 24 de outubro está convocada unha folga xeral por parte de CIG-Ensino (á que se sumaron STEG, CSIF e CUT: xuntos suman máis do 60% dos votos das  eleccións sindicais de decembro do 22) para exixir unha mellora nas condicións do ensino que o “Acordo” que as direccións de CCOO, UGT e ANPE asinaron coa Consellería non contempla.

Entrevistamos a Manu Andión, profesor no IES Pedras Rubias, delegado sindical de CIG-Ensino e militante de Esquerda Revolucionaria:

O Militante.- Cal é a situación do ensino público en Galiza?

Manu Andión.- A situación é cada vez peor. Dende que comezaron os recortes por parte dos gobernos do PP hai xa máis de 10 anos, as condicións de traballo non deixaron de empeorar e cando isto sucede, a calidade do ensino, fundamental, sobre todo, para as familias obreiras, tamén empeora.

Os recortes non cesan. Para o PP, a necesidade dun ensino público de calidade non existe e o atacan ano tras ano. Para a dereita a educación é única e exclusivamente un negocio ó que a educación pública lle molesta. Cada curso péchanse unidades e destrúense prazas en Infantil e Primaria (no actual, 38 en Infantil e 51 en Primaria, en total, 89 prazas suprimidas e 60 unidades pechadas), por ilustrar cun caso: só en Ourense, dende a chegada de Feijóo en 2009, pecháronse 117 aulas -entre elas, unha de Educación Especial- e 11 centros educativos; a atención á diversidade e os problemas relacionados coa saúde mental son ignorados, pois non hai reforzos suficientes nos centros de ensino; en moitos IES a ratio pode superar tranquilamente 30 estudantes por aula e así é imposible ensinar como é debido, ademais de que a elaboración de horarios e a organización diaria é un desastre, pois faltan docentes; a FP sofre anualmente a carencia de prazas públicas e as condicións do profesorado son denigrantes, ademais de que o PP aposta polo ensino a distancia para aforrar, pese a que, por exemplo, este ano houbo 80.897 solicitudes para presencial e só 25.595 prazas públicas de oferta. E podería seguir... en definitiva, hai que investir en educación e non se quere facer. Segundo o propio Ministerio de Educación, o investimento por estudante con respecto a 2010 é de 287 euros menos.

É unha intención política moi clara por parte da minoría social privilexiada que representa o PP, unha ofensiva salvaxe contra todo o que sexa público e beneficie e preste servizo á maioría da poboación traballadora. E non o podemos consentir.

OM.- O vindeiro 24 de outubro, a CIG convoca folga xeral no ensino. Cales son os motivos e as principais reivindicacións?

MA.- O motivo principal é a sinatura, por parte das direccións de CCOO, UGT e ANPE (presentes na mesa sectorial), dun “Acordo de mellora” lamentable coa Consellería, pois nin mellora nin mellorará as condicións do ensino e do profesorado; asinaron, sen ningún tipo de loita ou mobilización, o “logro” dunhas cantas migallas que lles botaron dende a Consellería e é unha oportunidade perdida, se non botamos atrás este Acordo vergoñento, de comezar a mellorar de verdade a situación no ensino.

As principais reivindicacións, que todos os sindicatos, incluídos os asinantes aínda que parece que se esqueceron, levaban no programa electoral de 2022, son relativas ás ratios e ó horario lectivo, pois foron as puntas de lanza das demandas do profesorado despois das perdas de dereitos que sufrimos dende que Feijóo chegou en 2009 á Xunta. No caso do horario lectivo de Primaria, baixar de 25 a 23 é a única “mellora” do “Acordo”, pero supón quedarse a medio camiño e renunciar, na práctica até o 32/33 (cando remata a aplicación do Acordo!) a recuperar as 21 horas que se tiñan sen presentar ningún tipo de batalla: puro sindicalismo de moqueta.

Librería"
As direccións dos sindicatos que no resto do Estado manteñen unha lesiva política activa de “paz social” que non deixa de restarnos dereitos, son as que  asinan no Ensino galego un Acordo de mínimos e renuncian a dar a batalla contra un goberno do PP. 

A outra “mellora” do cacarexado Acordo é sobre as ratios, estas baixarán moi paseniñamente de 25 estudantes por aula a 20, ano a ano, nivel a nivel (4º de Infantil o vindeiro curso e 6º de Primaria ó final), até o curso 32/33... é unha baixada de ratios a 9 anos vista cando a natalidade cada vez máis baixa xa está a facer o traballo! Iso si, estas ratios están suxeitas a excepcións e non se recollen por lei como as de 25 actuais, ou sexa, veñen coa trampa dentro.

 En Secundaria, a recuperación do horario lectivo, que actualmente é de 20 horas -18 eran até 2011-, fíase todo a unha futura negociación que se comezará, tachán, tachán!... no curso 26/27, é dicir, dentro de, como mínimo, 3 anos! É un auténtico escándalo! Despois de 12 anos aínda hai que agardar 3 anos máis... en que mundo viven? Das ratios xa nin falamos, nin unha soa mención cando a pandemia do coronavirus amosou que cando hai menos estudantes por aula a calidade educativa aumenta. O resto de ensinanzas, como FP, a Educación Especial, as EOI, etc., onde as condicións son igual de lamentables que no resto, tampouco entran no “Acordo”; é dicir, é un Acordo que deixa fóra a máis do 60% do profesorado do ensino.

En definitiva, as direccións dos sindicatos que no resto do Estado manteñen unha lesiva política activa de “paz social” que non deixa de restarnos dereitos, son as que  asinan no Ensino galego un Acordo de mínimos e renuncian a dar a batalla contra un goberno do PP que nos quere de xeonllos para aplicar as súas políticas de miseria para o pobo traballador. Temos unha oportunidade para, no só de palabra, senón con feitos, romper con esa paz social, convertendo o 24 de outubro no punto de partida dun plan de loita serio ata botar abaixo os ataques.

OM.- Que perspectivas cres que ten a loita do profesorado despois desta folga e que sindicalismo cres que é necesario para reverter os ataques e frear este “Acordo”?

MA.- A sinatura dese Acordo coa Consellería sumada á política de paz social das direccións deses mesmos sindicatos no resto do Estado na última etapa (que contrasta, por exemplo, e non é casual, co aumento de folgas que florecen no último período, por exemplo, en Euskal Herria, onde a maioría sindical é outra), amosa que precisamos un sindicalismo combativo, que loite polos nosos dereitos, que sexa “responsable”, pero coa clase traballadora, non cos gobernos ou coas patronais.

A folga do 24 é un paso necesario que había que dar, pero non debemos quedarnos aí, precisamos un plan de loita ascendente que teña un obxectivo claro: reverter os recortes e acadar máis dereitos. Hai que reconstruír o movemento educativo en loita, recuperar o espírito das mareas verdes porque segue aí, temos que axitalo nós cunha política sindical combativa e clara, que deixe claro que non pararemos até que, como mínimo, recobremos os dereitos perdidos, que foron moitos, non só os horarios. Non podemos caer no discurso interesado da clase dominante de que “a xente non se move” ou similares. Á xente hai que movela cun plan claro. Temos exemplos na propia administración pública como a Xustiza ou a Sanidade. A presenza nos centros de ensino, por exemplo, é fundamental nese senso e hai que afondala aínda máis, e procurar estendela á afiliación máis activa. Penso que só así lograremos dobregar á Consellería e acadar un Acordo de verdade, que recolla melloras e non migallas. O sindicalismo combativo é o único camiño.

banner

banneringles

banner

banner

banner

banneringles

banneringles

bannersindicalistas

bannersindicalistas