Os dirixentes sindicais teñen que pasar á ofensiva

A recesión chama ás portas, tamén en Galiza. A patronal prepárase para pasar as facturas da crise ós traballadores e traballadoras. A Xunta amósase moi receptiva ante as demandas dos empresarios. Os dirixentes sindicais non moven ficha de cara a defender os empregos e as condicións laborais. Que pode facer o movemento obreiro fronte a esta seria ameaza?

Os dirixentes sindicais teñen que pasar á ofensiva

A recesión chama ás portas, tamén en Galiza. A patronal prepárase para pasar as facturas da crise ós traballadores e traballadoras. A Xunta amósase moi receptiva ante as demandas dos empresarios. Os dirixentes sindicais non moven ficha de cara a defender os empregos e as condicións laborais. Que pode facer o movemento obreiro fronte a esta seria ameaza?

Tódolos indicadores económicos de Galiza mostran un moi acelerado deterioro: o consumo, a inversión produtiva, as exportacións, os visados de nova vivenda, a produción industrial... Cada día aparecen novos datos que certifican que a economía estatal e galega diríxense con rapidez cara a unha profunda e moi posiblemente duradeira recesión económica.
Tras unha "década prodixiosa" para a patronal, onde os beneficios das principais empresas do país alcanzaron niveis astronómicos e os traballadores perderon poder adquisitivo, a festa acaba e empeza a ofensiva contra a clase obreira.
A patronal teno claro: a crise ten que pagala a clase traballadora: directiva europea das 60 horas, esixencia de atrasar a idade de xubilación, moderación salarial, transvase de fondos públicos ós petos dos empresarios en forma de axudas e exención de impostos, etc.

A nosas condicións de vida e a ofensiva empresarial

Fronte á propaganda burguesa, que afirma que cando as empresas van ben, os traballadores tamén van ben, érguese a realidade. Ás grandes empresas galegas foilles realmente ben nestes anos. Citroën e Inditex bateron records, as eléctricas tiveron uns beneficios do 90% algúns anos, o Banco Gallego aumentou as súas gañanzas nun 73% en 2006...
E sen embargo, a clase traballadora non obtivo nin as migallas deste festín. É máis: houbo anos onde se perdeu poder adquisitivo (-2% en 2005).
A realidade segue a ser a dos mozos que emigran, as longuísimas xornadas de traballo, os accidentes laborais, os incumprimentos dos convenios, os baixos salarios e a carestía da vida.
Galiza ten os segundos salarios mais baixos do estado (La Voz de Galicia, 21/9/2007) e o 25% das familias ingresan menos de 1.000 euros ó mes (Instituto Galego de Estatística)
E é neste contexto cando imos entrar en recesión.
Que a patronal pretenda manter as súas gañanzas a nosa costa non é algo sorprendente. O que xa é máis alarmante é a enorme receptividade que a súas "receitas" encontran no Goberno central e na Xunta.
Ás "medidas anticrise" elaboradas polo goberno central e que supoñen ataques contra os traballadores e subvencións ós empresarios, uníuselles recentemente o paquete de medidas da Xunta de Galiza: o chamado "Acordo pola competitividade de Galicia" asinado pola Xunta, CC.OO, UXT e a patronal. Estas medidas non fan se non afondar na estratexia do Goberno central e a patronal.
"Las acciones específicas orientadas al apoyo de las empresas, (...) se dotarán con 1.295 millones" (...) "El texto se compromete expresamente a ayudar a las empresas con problemas de liquidez o financiación." [El País, suplemento Galicia, 8/7/2008]
Nada menos que 1.295 millóns de euros, dos impostos dos traballadores, que irán directos ós petos dos grandes empresarios!!. Por suposto, as receitas non son as mesmas cando somos os traballadores os que temos "problemas de liquidez" moi graves que literalmente nos impiden chegar a fin de mes.
E aínda hai máis:
"A las conocidas recetas de la Xunta contra la recesión, el conselleiro de Economía sumó ayer otra: moderación salarial(...) El conselleiro alertó del "repunte de los costes salariales", por lo que abogó por ligar la subida de los sueldos "al incremento de la productividad" (El País, sección Galicia, 26/6/2008)
O Conselleiro colle con ámbalas dúas mans unha reivindicación tradicional da patronal, amosando a gran sintonía entre a Xunta e a burguesía.
O asunto é evidente: a patronal e o Goberno central e autonómico tentarán atacar os salarios, o subsidio de desemprego (para garantir a "flexibilidade" laboral) e as pensións.
Pero ademais, nun contexto de crise, os ingresos do estado e da Xunta redúcense enormemente. Se a isto lle sumamos as axudas mil-millonarias ós empresarios, as rebaixas de impostos (como a redución do imposto de sociedades e o de sucesións) é evidente que por algún lado van recortar cartos, e que o recorte será no gasto social.

Os Sindicatos

Ante esta situación, os dirixentes sindicais de CC.OO, UXT e a CIG deberían de estar preparando á clase traballadora para unha loita moi seria en defensa dos postos de traballo e, cando menos, en defensa do poder adquisitivo da clase obreira e das conquistas que aínda non nos arrincou a patronal. Lamentablemente, ata o de agora, os dirixentes sindicais non pasan do terreo das declaracións.
No caso da dirección de CC.OO e UXT, de forma vergoñosa asinaron o citado "Acordo pola competitividade", en liña co apoio dado a outras medidas antiobreiras estatais como foron o recorte das pensións, do subsidio de desemprego e a moderación salarial.
No caso da CIG, correctamente negouse a asinar o acordo galego, sinalando acertadamente que é un plan para subvencionar ós empresarios, e tamén se ten oposto ós Acordos para a Negociación Colectiva (que establecen a moderación salarial). Máis isto é totalmente insuficiente. A CIG ten que empezar a organizar xa unha ampla campaña para mobilizar masivamente á clase traballadora e a xuventude para deixar ben claro á Xunta e ós empresarios que non se vai tolerar ningún ataque. Nesta campaña, é fundamental o programa e a táctica. Toda a experiencia do sindicalismo supostamente realista, baseado "no posible" baixo o capitalismo, revelouse como un fracaso estrepitoso, que só serviu para envalentonar á patronal e para que os traballadores retrocedamos nas nosas condicións constantemente. Agora a cuestión é a seguinte: pódese defender ós traballadores de forma eficaz asumindo o funcionamento do capitalismo en plena crise? Non. Se se acepta a dinámica do capitalismo, calquera sindicalismo, incluso o máis combativo, entrará en contradicións insolubles.
Doutra banda, unha loita tan seria como a que os traballadores nos imos enfrontar require unha participación masiva de todos os traballadores, en Galicia e no resto do Estado. De aí a necesidade dunha táctica que obrigue a romper coa resistencia das direccións sindicais de CCOO e UXT a mobilizar. Un chamamento sincero e compañeiro por parte de la dirección de CIG á base dos outros sindicatos para loitar por un programa combativo y revolucionario poñería en moitas máis dificultades ás direccións de CC.OO e UXT. Por suposto, os dirixentes de CC.OO e UXT precisan de poucas escusas para non loitar, pero a dirección da CIG, criminalizando ós afiliados de CC.OO e UXT, achandou o camiño a estes.

Auxe folguísitico en Galiza

Nos últimos anos, Galiza vive un profundo auxe folguísitico, que é a translación ó terreo sindical do profundo xiro á esquerda iniciado no país dende 2001.
As cifras son impresionantes. En 2006, último ano do que hai datos publicados polo I.G.E, o número de horas perdidas en folgas superou ás perdidas en 2001, malia que en 2001 aconteceu a folga xeral galega!
Tras anos de sufrir abusos e malas condicións laborais, precariedade e xornadas interminables, os traballadores galegos teñen pasado á ofensiva.
E 2007, malia non ter datos, foi aínda máis intenso que 2006. Folga no naval, na construción, no Sergas, no ensino, na limpeza, telemarketing, correos... ata os veterinarios da Xunta foron á folga.
A patronal é moi consciente de isto: Fontenla, presidente da patronal galega "Añadió que a lo largo del último año ha habido un "importante repunte" de la conflictividad laboral en Galicia que "ha puesto en peligro el clima de paz social arraigado en los últimos años." (El País, sección Galicia. 25/6/ 2008)
Os ataques que proxecta a patronal vanse encontrar cunha moi forte resistencia por parte dunha clase obreira moi mobilizada, afogada polos baixos salarios e que se sente forte grazas ás victorias parciáis dos últimos anos.

Fai falta unha política sindical anticapitalista!

A clase obreira galega e a do conxunto do estado, van estar á altura. Como teñen feito ata o de agora, responderán unanimemente a calquera chamamento serio que lles fagan os seus dirixentes. Do que tampouco poden caber dúbidas é de que os traballadores farán o posible e o imposible por forzar ós seus dirixentes a loitar. Tampouco aceptarán docilmente a firma dun acordo que non sexa positivo, como os traballadores do metal da provincia de Pontevedra lle deixaron claro ós seus dirixentes da CIG durante as impresionantes xornadas de maio de 2006
A combatividade da clase está fora de dúbida. O que non está tan claro será a actitude dos dirixentes sindicais de CC.OO, UXT e a CIG.
E o problema é que, con ser fundamental, non basta coa honestidade e a combatividade persoal. Se os dirixentes sindicais non se dotan dun programa anticapitalista, dun xenuíno programa marxista, as presións ideolóxicas da burguesía terminarán prendendo neles. E máis nun contexto de crise, onde os "pobres" emprendedores ensinarán as súas "mermadas" contas de resultados ós sindicalistas e lles farán ver o "razoable" das súas demandas de algúns despidos e moderación salarial, "dada a situación de crise" e que se trata de medidas para "garantir a continuidade da empresa" e non ter que pechar, e dirán que tan só son medidas temporais que se reverterán cando a situación mellore... A cantinela de sempre.
Fronte a isto, os dirixentes sindicais teñen que esixir que non se dea un euro ós empresarios, que non se acepte ningún despido nin retroceso nas condicións de traballo, que calquera empresa que peche sexa nacionalizada sen indemnización e posta a funcionar baixo o control dos propios traballadores.
Pero hai máis. Os dous principais motores económicos de Galiza son Inditex e Citroën, que se fixeron de ouro nestes anos. Dende logo, que toda a capacidade económica dun país estea en mans privadas é unha auténtica espada de damocles. O dominio dos monopolios e da Banca sobre a vida das persoas é unha realidade internacional. Por iso, calquera programa de auténticas reformas, melloras sociais e investimento público é completamente imposible sen o control efectivo destes recursos por parte da clase traballadora. Para iso, é necesaria a nacionalización das pancas fundamentais da economía baixo control obreiro, e como o carácter internacional da crise actual puxo outra vez en evidencia, unha política destas características, que persiga superar o capitalismo, non pode quedar confinada nas fronteiras galegas. Un programa anticapitalista e de transformación revolucionaria da sociedade é internacionalista ou non é nada, de aí a importancia da unidade entre a clase obreira galega e a estatal e do todo o mundo. Existe un proceso mundial de loita contra o capitalismo, no que a revolución venezolana se sitúa no punto máis avanzado. O triunfo definitivo dos traballadores venezolanos sería un pulo tremendo á revolución mundial.
Non temos dúbida de que se os partidos e sindicatos da esquerda explicasen este programa, contarían co apoio entusiasta da clase traballadora e a mocidade. Pero a loita por este programa no seo das organizacións da esquerda, non se pode facer a título individual, se non de forma organizada. Únete á Corrente Marxista Internacional O Militante para loitar por este programa!

banner

banneringles

banner

banner

banner

banneringles

banneringles

bannersindicalistas

bannersindicalistas