O pasado 30 de xuño entrou en vigor o novo decreto de Bacharelato que supón a aplicación da LOE (Lei Orgánica de Educación) a esta etapa educativa. Como xa explicamos no seu momento, esta Lei non supón unha aposta por un ensino público laico e de calidade. Pola contra, non garante recursos económicos e humanos suficientes e introduce algúns elementos de segregación entre institutos e alumnado tomados da Lei de Calidade do PP. Agora, a Xunta de Galiza afonda nesta devaluación do ensino público mediante un decreto que contou cunha ampla oposición entre a comunidade educativa. Por unha banda, hai unha reorganización de materias que implica a eliminación dunha hora de Filosofía en 1º de Bacharelato e de Historia en 2º de Bacharelato. Unha asignatura de adoutrinamento que non debería ter cabida no currículo escolar, como é a Relixión, pasa a impartirse en 2º de Bach., curso moi cargado de materia debido á Selectividade. A oposición a estas medidas estoupou na folga do día 29 de abril, apoiada por CIG e STEG, que contou cun seguimento do 75% entre o profesorado afectado e cunha manifestación en Compostela con milleiros de profesores e estudantes. A mobilización provocou que a Consellería de Educación recuase e retirase a reducción horaria de Educación Física, pero mantendo o resto do decreto. Desgaciadamente, nin CCOO nin UGT se uniron ás moblizacións, polo que a división sindical foi aproveitada pola Consellería para sacar adiante o decreto. Está claro que este é só un primeiro paso nos ataques que vai recibir o ensino público nos próximos anos. Así, a crise económica parece que vai ter consecuencias á hora de reducir o gasto educativo. Unha primeira medida é a supresión de prazas docentes (por exemplo, 5 no IES Ricardo Mella, 6 no IES Manoel Antonio, e 2 no IES Álvaro Cunqueiro, en institutos de Vigo). A consecuencia disto é unha merma na calidade do ensino, co aumento da ratio de alumnos por aula a 30, segundo manifestou un inspector educativo da provincia de Pontevedra. Outro ataque que se está a preparar é o Estatuto da Función Docente, que prevé a aplicación de criterios de rendabilidade nas retribucións, coa creación de distintas escalas salariais entre o profesorado. Imos a asistir probablemente a un outono quente no ensino, cunha mobilización do profesorado que debe ir unida á do estudantado na defensa dun ensino público de calidade. O exemplo das folgas en Madrid do 7 e 21 de Maio e de Cataluña o 14 de Febreiro marcan o camiño. Cómpre crear unha fronte estatal de loita contra a privatización do sistema educativo. A crise provocada polos capitalistas deben pagala os capitalistas, e non os fillos dos traballadores.

banner

banneringles

banner

banner

banner

banneringles

banneringles

bannersindicalistas

bannersindicalistas