1361725084864ferrol-detallednDescarga hoja en PDF

Ferrolterra depende do sector naval. Por iso, a paulatina paralización dos estaleiros nos últimos dous anos está sendo demoledora. Até hoxe, varios milleiros de traballadores foron despedidos e moitos xa non teñen dereito á prestación de desemprego desde hai tempo. Sumados ós despedimentos noutros sectores, sitúan a taxa de paro na comarca no 32%. E subindo: a siderúrxica Megasa, con 200 traballadores, acaba de anuncia-lo seu peche en agosto.

Isto contrasta coa situación dos empresarios da industria auxiliar. Estes “emprendedores” que “dinamizan” a economía comarcal non están tendo ningún escrúpulo á hora de pecha-las empresas cando as cousas veñen mal dadas, desfacéndose dos mesmos traballadores que durante décadas foron a peza fundamental sobre a que levantaron as súas fortunas. Así é o capitalismo: os empresarios, como a banca nun casino, sempre gañan.

Por iso os traballadores temos que defender os nosos intereses sen complexos. Nós, aínda que somos os que xeramos a riqueza, non diriximos a economía e, polo tanto, non somos os responsables desta crise e non temos por que paga-las súas consecuencias.

Por unha loita sen empresarios

Os empresarios actúan de forma unificada e contundente; os traballadores temos que actuar igual. Por iso a nosa loita ten que ser unha loita de clase.

Temos que separarnos dos empresarios, que aínda que poda parecer que teñen os mesmos intereses ca nós e aínda que algún incluso teña participado en mobilizacións en demanda de carga de traballo ou dun futuro para a comarca en abstracto, en realidade son falsos amigos porque son os mesmos empresarios que se benefician das reformas laborais, que lle piden ó PP que recorte aínda máis os dereitos dos traballadores e que nos dous últimos anos despediron a máis de 2.300 traballadores das compañías auxiliares na nosa comarca. Os mesmos empresarios que podemos estar seguros que tamén despedirán, se non o impedimos loitando, ós que aínda están traballando cando a finais deste ano remate a construción do buque para Australia e non haxa onde cravar unha punta.

Esta folga debe se-lo punto de partida

Esta folga xeral comarcal non é un punto final, senón un punto de partida. Desde que hai dous anos empezou a mobilización en demanda de carga de traballo, os marxistas vimos explicando a necesidade de estende-la loita o máis amplamente posible, empezando pola unificación do sector naval estatal e continuando con outros sectores en loita, para que a loita do sector naval de Ferrolterra se transforme nun punto de referencia co que millóns de traballadores e mozos se sintan identificados e se solidaricen activamente. O contexto nunca foi tan favorable para logralo, como demostrou a loita mineira do ano pasado. A nosa loita debe ser considerada como parte da loita do conxunto da clase obreira en defensa das conquistas históricas que a dereita e os empresarios nos están arrebatando.

Neste sentido, esta folga ten que servir para impulsar unha folga xeral de todo o sector naval estatal (que podería converterse en xeral nas comarcas cunha presenza decisiva do sector naval, como Ferrol, Vigo ou Cádiz), precedida por unha marcha a Madrid. Este é o paso adiante que, trala folga do día 12, necesita a loita en defensa do emprego en Ferrolterra e no resto das comarcas.

A clase dominante organízase a nivel europeo e mundial. Os traballadores temos que face-lo mesmo, ou sempre estaremos en inferioridade de condicións.

Hai que botar a este goberno

Estamos sufrindo as consecuencias dun goberno da dereita ó servizo dos intereses dos empresarios. Pero o goberno do PP é un goberno débil porque a realidade da rúa é moi distinta á das institucións. No último ano e medio puidemos comproba-la magnífica resposta de millóns de traballadores e estudantes ós ataques contra a sanidade e o ensino públicos, contra as condicións laborais, etc. Estas mobilizacións desgastan ó goberno, como por exemplo sucede coa contrarreforma franquista do ensino (LOMCE), que leva máis de un ano de retraso na súa aplicación. Isto non cae do ceo, senón que é produto das mobilizacións encabezadas polo Sindicato de Estudantes, que sacou á rúa centos de milleiros de estudantes, co apoio de moitos pais e profesores nas sete xornadas de folga ó longo deste curso.

Pero non se trata só de protestar contra as medidas que aproba o PP. Hai que darlle unha solución a toda esta situación indo ó fondo do asunto: a única maneira de frear tódolos recortes é facendo caer ó goberno do PP. Esta é a clave do éxito: a loita dos traballadores ten que adquirir un carácter político e dirixirse a aglutinar ó conxunto dos traballadores e estudantes do Estado español nunha loita unificada para facer caer nas rúas ó goberno do PP. Non hai outra alternativa porque está demostrado que, a un ritmo ou outro, o PP segue cos recortes pese ás masivas demostracións de descontento.

Organízate para loitar polo teu futuro

Esta é a estratexia que necesitamos. Pero hai un serio problema: os dirixentes sindicais de CCOO e UGT, que son as dúas organizacións que teñen a capacidade para impulsar esa loita unificada, non queren facelo.

Toxo e Méndez seguen empeñados nun diálogo social que nin o goberno nin os empresarios queren, como deixan ben claro por activa e por pasiva (a última vez, o 16 de maio, cando ambos se reuniron na Moncloa con Rajoy, que directamente lles mexou por riba). Pero a pesar disto, canto máis desplantes lles fai o PP, máis lle suplican.

Os dirixentes sindicais, en vez de impulsa-la loita, fan todo o contrario: resístense todo o que poden a loitar. O acordo do pasado 23 de maio sobre a ultractividade dos convenios puxo de manifesto, unha vez mais, que os dirixentes sindicais foxen da unificación das loitas, deixando escapa-la posibilidade de aglutinar a varios millóns de traballadores nunha loita común.

Outro exemplo tivémolo na nosa comarca o pasado día 5, cando os traballadores de Navantia-Ferrol paralizaron a factoría e obrigaron ó comité de empresa a mobilizarse ante a detención dun compañeiro.

¡Hai que transforma-los sindicatos!

A situación é moi difícil. Pero aínda é mais difícil porque os dirixentes sindicais non están á altura das circunstancias.

Nuns casos, por non te-las ideas claras, por estar apoltronados, etc. Pero noutros casos a cousa é peor. O acabamos de ver o venres pasado, cando o representante de CCOO na comisión de “expertos” sobre a reforma de pensións votou a favor do informe que propón non só recortar aínda máis as pensións futuras, senón tamén as presentes.

Xa se sabía que hai moitos dirixentes que non queren loitar, pero isto é moito máis grave. Ese individuo é nin máis nin menos que o responsable do gabinete económico da Confederación Sindical de CCOO. ¿Cómo pode un neoliberal estar ó fronte de semellante responsabilidade nun sindicato de clase?

¡Os sindicatos necesitan unha profunda renovación e transformación! ¡Temos que recupera-los como ferramentas de loita! É necesario que os traballadores participemos na vida interna dos nosos sindicatos, é necesario dar pasos ó frente para substituír ós dirixentes que non queren loitar. Temos que ser nós mesmos os que tomémo-las rendas do noso futuro, se non queremos quedarnos sen futuro. Hai que construír unha forte corrente marxista dentro dos sindicatos que impulse un sindicalismo combativo, de clase e democrático. Organízate cos marxistas de El Militante.


¡12 DE XUÑO: TODOS ÓS PIQUETES E Á MANIFESTACIÓN!

¡NON MÁIS DESPEDIMENTOS, QUE A CRISE A PAGUE O CAPITAL!

¡POR UNHA MARCHA A MADRID DE TODO O SECTOR NAVAL ESTATAL!

¡ORGANÍZATE E LOITA, ÚNETE A EL MILITANTE!

banneringles

banneringles

banner

banner

banner

banneringles

banneringles

bannersindicalistas

bannersindicalistas