Descarga aquí o cartaz, a octavilla e a comunicación oficial

O 28 de abril o Sindicato de Estudantes convocamos folga estudantil na Galiza e sumámonos así á folga do profesorado convocada polos sindicatos CIG-Ensino e STEG, e as Asembleas Abertas do Ensino Público. Estudantes, profesores e profesoras iremos á folga educativa para paralo todo nos nosos centros de estudo e encher as rúas contra a política de recortes, os ataques e as privatizacións da Xunta do PP.

Os nosos profesores e profesoras, con cinco folgas ás súas costas no que vai de curso, demostraron o seu compromiso e disposición a continuar a loita para reverter esta situación. Os e as estudantes padecemos en carne propia a precarización das condicións laborais dos nosos docentes. Necesitamos máis profesores e profesoras , persoal especialista para atender a diversidade e baixar as ratios. As súas reivindicacións son as nosas.

Os e as estudantes tamén estamos fartas

Os e as estudantes levamos tamén un curso de loita, con catro folgas estudantís e manifestacións contra o xenocidio sionista en Gaza, contra o acoso escolar tras o suicidio de Sandra Peña, e o pasado 6 de marzo volvemos baleirar as aulas contra a violencia machista e os discursos de odio da extrema dereita. Os e as mozas non somos fachas, como estamos fartas de escoitar, por iso agora continuamos a loita en defensa do ensino público.

Porque estamos fartas de clases abarrotadas, de que os nosos centros estean en malas condicións, de que nos falte material, de que non se cubran sistematicamente as baixas do profesorado, de que falten prazas na FP pública mentres a privada concertada fórrase á nosa costa e de non ter garantidas as nosas prácticas. A nosa saúde mental non lles importa en absoluto e con esta falta de medios e profesores é imposible loitar contra o acoso escolar.

Por se isto fose pouco, a Consellería de Educación encabeza unha cruzada contra a liberdade de expresión nos institutos, tratando de impoñer o que eles chaman “neutralidade ideolóxica”, é dicir, prohibíndonos poñer carteis contra Altri, repartir follas contra o xenocidio, limitando e cernando o noso dereito á folga cada vez que saímos a loitar. Son inimigos declarados dos nosos dereitos democráticos máis básicos. Atacan o galego sen disimulo, co infame “decreto de plurilingüismo” para vetar a lingua nas aulas. A quen lle pode estrañar que, con estas medidas, por primeira vez na historia teñamos na Galiza máis castelanfalantes que galegofalantes?

O 28 de abril temos que sumar forzas co profesorado, baleirar as aulas e encher ás rúas conxuntamente na manifestación que sairá ás 12h da Alameda de Compostela.

Basta de destruír o ensino público galego.

Profes e estudantes, unidos e adiante!

banner

banner

banner

banner

banner

banner

banner

banneringles

banneringles

bannersindicalistas

bannersindicalistas