O Comité de Empresa ten que respectar a decisión dos traballadores
Recentemente, a empresa anunciou que tiña a intención de baixarnos o soldo un 15% (8% a locais e 4% a oficinas na súa última oferta). Estamos falando dunha empresa que tivo uns ingresos de 17 millóns de euros o ano pasado, que paga soldos miserables, que non recoñece as categorías, etc. É un ataque inaceptable.
O 27 e 28 de novembro celebráronse en A Coruña, Santiago e Ferrol asembleas masivas onde se aprobou por unanimidade (e en Ferrol por amplísima maioría) que o Comité de Empresa (CE) diríalle á empresa que rexeitabamos por completo calquera tipo de redución salarial. Ese era o mandato claro das traballadoras e traballadores de Pizza Móvil na provincia de A Coruña.
Sen embrago, o pasado 5 de decembro, dando as costas ó decidido democraticamente nas asembleas, a maioría do CE decidiu levarlle á empresa outra proposta: propuxéronlle que nos baixaran o salario un 2% nos locais e un 4% nas oficinas. Dende CIG-Servizos consideramos isto totalmente inaceptable e propuxemos ás 5 compañeiras que votaron a favor que rectificasen. Desgraciadamente, as compañeiras que compoñen a maioría do comité non quixeron rectificar.
A empresa defende unha serie de argumentos falsos para baixarnos o salario.
- “A empresa vai quebrar”: Iso é rotundamente falso. Os ingresos obtidos estes anos mostran o contrario. En todo caso, esiximos que abran os libros de contas para saber a verdade. E sexa como sexa, a viabilidade da empresa en ningún caso dependerá dos nosos miserables salarios. Se agora a empresa non vai coma antes, terá que ver cunha nefasta xestión empresarial, coas diferentes ofertas ou cos salarios que perciben os directivos e altos cargos da empresa e non cos nosos ínfimos soldos.
- “Haberá peches e despedimentos”: Esa é a mesma canción que usan o 99% dos empresarios en todo o mundo cando queren amedrentar ó persoal para que acepte as súas medidas de recortes. É unha chantaxe en toda regra. Eles o único que queren é aumentar os seus beneficios. E se intentan despedir a alguén, temos forza para impedilo. ¿Canto resistiría a empresa se paramos a produción e o reparto os xoves e os sábados?. Non queremos ir á folga, pero se atacan os nosos dereitos, temos forza dabondo para defendernos.
Pola súa banda, as compañeiras do Comité, no canto de respectar a decisión do persoal traballador e basearse na nosa forza, aceptan o punto de vista do empresario e afirman cousas coma esta:
- “Hai que amosarlle á empresa que temos boa disposición para negociar”: Ceder o noso salario xa dende antes de negociar, o único que lle amosa á empresa é debilidade. A empresa vai aproveitar esa debilidade para reducir ó máximo o salario. Nós non aceptamos que baixen nin un céntimo. Se queren recortar, que recorten os seus beneficios!
-“O Comité de Empresa de Pontevedra aceptou un 8% de redución salarial”: O CE de Pontevedra, ó contrario do que fixemos en A Coruña, non consultaron ós traballadores. Aínda así, 4 –os da CIG- dos 9 membros votaron en contra. Os outros 5 teñen que rectificar e esixir que non lles baixen o soldo e loitar con nós para ter máis forza ante a empresa.
- “A empresa pode facer o que quere coa Reforma Laboral e a xente non se move”: Rachar os acordos democráticos dunha asemblea é o que desmoraliza e desmobiliza á xente. E iso facilítalle á empresa a labor para reducirnos o salario e aplicar a Reforma Laboral. Pero se algo demostraron as masivas asembleas que tivemos é que temos forza e disposición a loitar. Podemos parar o ataque da empresa!
Por todo isto, dende CIG-Servizos pensamos que o sector maioritario do CE ten que convocar unha nova asemblea de traballadores urxentemente. Nesa asemblea temos que acudir en masa e esixir ó CE que non acepte nin un céntimo de redución salarial e que retire a súa proposta á empresa, respetando a decisión dos traballadores. Nesa asemblea temos que votar xa un plan de mobilizacións (paros, repartos de follas á clientela, pedir apoio a outros sectores en loita, concentracións diante das tendas, etc) para impedir que a empresa recorte os nosos dereitos.
Chamamos ó resto de compañeiras do Comité de Empresa a rectificar, a que respecten a votación da asemblea e a basearse na nosa forza para frear os ataques.