O pasado mes de novembro, a empresa anunciou ó Comité de Empresa (CE) a intención de reducir os salarios do persoal das tendas un 15´7 %, é dicir, unha baixada real de entre 50 e 170 euros, dependendo do tipo de contrato. O máis habitual é cobrar entre 300 e 400 euros mensuais, co que a baixada supoñería entre 50 e 60 euros.
As condicións laborais
Así como facemos e repartimos un tipo de alimentación denominada comunmente “comida lixo”, as nosas condicións de traballo (e as de todo o sector) pódense cualificar do mesmo xeito: lixo.
Cobramos menos de 4 euros á hora, sendo a empresa do sector que menos cobra por hora, o plus por reparto é de... 30 céntimos!, non se recoñecen as categorías como se debe, as revisións das motos brillan pola súa ausencia, negan axudas nos peches e reforzos de persoal en certas horas punta, fan contratos de “auxiliar” para que poidas facer de todo polo mesmo salario (cobrando menos na práctica), etc. E con estas condicións, a empresa decide atacarnos reducíndonos o salario un 15´7%.
Unidade do CE ante o ataque da empresa
Nun principio, houbo unanimidade dentro do CE (5 de UGT, 2 de CCOO e 2 de CIG) para loitar contra este ataque. Nunha reunión decidimos realizar asembleas unitarias en todas as cidades afectadas (franquicias excluídas): A Coruña, Santiago e Ferrol-Narón. Acordamos, correctamente, levar como CE unha proposta ás asembleas de non aceptar ningún tipo de redución salarial.
Nas 3 asembleas realizadas o resultado foi idéntico: o persoal traballador de Pizza Móvil decidiu, por clamorosa unanimidade, secundar a proposta do CE, asumindo que, seguramente, a empresa non cedería nun principio e habería que mobilizarse para impedir a redución salarial.
Ruptura da unidade do CE
Lamentablemente, ante a presión da empresa, que cualificou a proposta de non redución de pouco seria (porque o CE de Pontevedra levou unha proposta de 8% de baixada en locais e 4% en oficinas), a unidade rompeuse. A maioría das compañeiras do CE decidiu incumprir e desobedecer o claro e unánime mandato das asembleas e propuxo á empresa unha redución do 2% para persoal de base e un 4% para oficinas e oficiais.
Desde CIG-Servizos puxémonos totalmente en contra desta medida antidemocrática e esiximos a súa inmediata rectificación: estabamos, entre outras cousas, mandando un sinal de debilidade moi perigosa á empresa, que coñecía perfectamente a decisión unánime do persoal de non aceptar redución algunha.
Ante esa oferta, a empresa decidiu asumir, con matices, a proposta do CE de Pontevedra e propuxo un 8% de baixada en locais e un 4% en oficinas. A perda, neste caso é, nos contratos máis habituais, de entre 20 e 40 euros, partindo dos salarios de miseria que os capitalistas pretenden impoñer á clase obreira aproveitando a situación de crise económica do seu sistema.
A alternativa á redución: loitar
Ante esta oferta, a maioría do CE (6 votos contra 3) decidiu dar por boa a proposta da empresa e asumila. Desgraciadamente, tamén asumiron a posición, os argumentos e as mentiras da empresa, facendo súa a idea de que aceptar a baixada era a única solución “realista e posible”.
Decidiuse volver facer asembleas, esta vez por locais e con votación secreta (coma se tivésemos algo que ocultar), aínda que se podía votar en calquera local, para que o persoal decidise se aceptaba a oferta da empresa asumida pola maioría do CE ou non. Desde CIG-Servizos decidimos repartir unha folla animando a votar NON e propoñendo un plan de loita como alternativa á submisión ante a empresa.
Propuxemos folga o día 1 de xaneiro (o de maiores vendas do ano) para presionar e facer valer a nosa forza, ademais de repartos entre a clientela e o resto da clase obreira, concentracións diante das tendas, unirnos a outras empresas en loita como Paradores ou RENFE, rolda de prensa, etc.
Lamentablemente, aínda que en A Coruña e en Ferrol a maioría do persoal votou NON á redución e polo tanto SI á folga (xa que desde CIG vinculamos votar NON coa aprobación da folga por ser a única forma, xa que só se podía votar SI ou NON á baixada salarial), nas asembleas de Santiago votouse SI á redución. Os resultados totais na provincia foron: 39 SI, 36 NON e 4 abstencións.
Nas asembleas de Santiago déronse algunhas situacións “curiosas”, entre as que destacan constantes interrupcións e ataques persoais ó compañeiro de CIG que trataba de argumentar en contra da redución. Pero houbo máis: foron a votar ata os responsables e coordinadores de área, é dicir, altos mandos; viñeron persoas dos locais de A Coruña traídas exclusivamente para que votasen, é dicir, carreteo de votos (os métodos electorais do PP no rural galego); viñeron 5 persoas do CE de Pontevedra a “explicar” o seu caso (era unha forma de presionar á xente de Santiago, para que visen que a situación era grave).
Ademais, as compañeiras do CE que asumiron a proposta empresarial anunciaron unha chamada da empresa o día anterior informando de que había un comprador para un local de Santiago (curiosamente, o do compañeiro de CIG), e de que se non aceptabamos a baixada, vendíano a unha franquicia. Xorde unha pregunta: se o local ten perdas (iso din), e esa é unha das razóns que alegan para xustificar a redución, ¿como hai alguén disposto a comprar un local non rendible? Misterios...
Por un sindicalismo responsable... coa clase traballadora
Se algunha lección podemos extraer desta situación é que necesitamos un sindicalismo de verdade, combativo, que respecte as decisións soberanas das asembleas, que aproveite a predisposición a loitar do persoal traballador, que non asuma os argumentos e a posición das empresas e loite contra eles, que impulse as loitas e as leve ata o final superando os lóxicos medos da xente, que entenda que loitando conseguíronse todos os nosos dereitos sociais e laborais e que só loitando pódense manter, en definitiva, necesitamos un sindicalismo que defenda de verdade os intereses da clase traballadora, irreconciliables cos da clase empresarial e capitalista.
Manu AC
delegado sindical de CIG-Servizos