A convocatoria do referendo catalán do vindeiro 1 de outubro puxo en primeiro plano o debate sobre a autodeterminación e sobre como conquistar os dereitos democráticos das nacionalidades oprimidas. Por tanto, é un debate que afecta de cheo ó pobo galego.

A dereita españolista e a caverna mediática solta bile contra o referendo e non dubida en mencionar a posible aplicación do artigo 155 da Constitución para suspender a autonomía catalá.

O PP, Cs e os sectores españolistas do PSOE seguen empeñados en impedir que os pobos catalán, vasco e galego poidan decidir, mediante un referendo democrático, as relacións que queiramos manter co Estado español.

O goberno do PP, herdeiros políticos da ditadura franquista, impulsores do terrorismo de Estado, abandeirados dos recortes, a austeridade, os desafiuzamentos e a precariedade laboral, negan este dereito fundamental ó pobo catalán co “argumento” de que “Catalunya é España” e que calquera decisión sobre o seu futuro ten que ser tomada por toda a poboación española. É exactamente igual que se, nun matrimonio, un dos cónxuxes necesitase a autorización do outro para se divorciar. ¡Sería ridículo!

Desde Esquerda Revolucionaria defendemos a celebración do referendo, sexa autorizado ou non polo Estado español, que, non esquezamos, segue dominado por un goberno e unhas institucións reaccionarias. Reiteramos o noso compromiso coa loita contra a opresión nacional das nacionalidades oprimidas e chamamos ós traballadores e á mocidade galega e do resto do Estado á mobilización activa e masiva contra calquera intento de reprimir e impedir a celebración do referendo do 1-O.

A convocatoria do referendo está poñendo a proba todas as organizacións. Pedro Sánchez dixo recoñecer o carácter plurinacional do Estado. Pero isto quedou en palabras baleiras cando formou unha fronte común con Rajoy para negar a millóns de cataláns o seu dereito a decidir.

Pola súa banda, Pablo Iglesias manifestou correctamente que o goberno o terá enfronte se tenta reprimir o referendo, aínda que segue defendendo que a consulta debe ser pactada cos mesmos poderes do Estado que se negan a permitila. É máis, a súa postura empeorou ostensiblemente, chamando publicamente a non participar no referendo por non ser “legal” e renunciando así á mobilización para impoñer o dereito a decidir.

Ningunha alianza cos nosos explotadores

O pasado 10 de xuño, o BNG, En Marea e outras organizacións de esquerdas organizaron un acto público en apoio ó dereito a decidir do pobo catalán. No acto participou unha representante do PDeCAT (antiga Convergència), o partido representante da clase dominante catalá e que é responsable directo da aplicación de brutais políticas de recortes e represión que afundiron as condicións de vida da clase obreira catalá. Entre 2013 e 2016, Catalunya foi a autonomía con máis desafiuzamentos e, segundo Cáritas, un de cada tres cataláns menores de 18 anos é pobre. Nada disto foi mencionado polos representantes das organizacións galegas de esquerdas presentes no acto.

A dereita catalá ten sido garante da estabilidade do capitalismo no Estado español, sostendo os gobernos de Felipe González e mais de Aznar. Foi precisamente a partir de 2012, cando o goberno de Artur Mas estaba a afrontar unha mobilización social crecente contra a súa política de recortes, cando o aparato político de Convergència decidiu sumarse ó independentismo e explotar, no seu propio beneficio, o movemento de masas que reclamaba o dereito a decidir. Por iso mesmo hai que sinalar que, dentro dese movemento hai dúas correntes opostas: unha progresista, que protagonizan millóns de mozos, traballadores e sectores das capas medias empobrecidas e que, ademais de por unha Catalunya libre de opresión centralista, loitan tamén contra a opresión capitalista; e outra totalmente reaccionaria, representada polos políticos profesionais e dereitistas do PDeCAT, que utilizan o movemento para perpetuar as súas políticas e os seus privilexios, e mais para presionar a burguesía española para acadar un acordo (pacto fiscal, investimentos e impostos, etc.) que lles permita seguir explotando xuntos ós traballadores e saqueando os recursos públicos. Por iso o obxectivo da dereita catalá é un referendo limitado, unha repetición do 9-N que lles permita gañar tempo e tentar reconducir a negociación coa burguesía española. De non convocar nada, terían que ir a unhas eleccións anticipadas nas que tanto eles coma o PP sairían moi tocados.

Vencellar a loita pola autodeterminación coa loita pola revolución socialista

Para conquistar os dereitos democrático-nacionais de Galiza, como do resto das nacionalidades, a política de alianzas e mailo programa son fundamentais. Por iso, é un erro gravísimo que os dirixentes do BNG e de En Marea dean credenciais de loitadores pola democracia ó PDeCAT.

A realidade é que da man do PDeCAT non haberá ningún avance serio cara a liberación social e nacional. O único xeito de facer realidade o dereito de autodeterminación de Catalunya, Galiza ou Euskadi é mediante a mobilización dos millóns de mozos e traballadores que defendemos sinceramente este dereito. E unha mobilización así só se conseguirá unindo a loita polo dereito de autodeterminación a un programa socialista contra os recortes e a austeridade, defendendo a nacionalización da banca e dos grandes monopolios, para así garantir a creación de millóns de empregos, soldos dignos e vivenda pública asequible. Neste camiño, a dereita catalá non só non é unha aliada, senón que, xunto co PP e Cs, son o principal inimigo a bater.

Ademais, apoiarse na dereita catalá dificulta enormemente outro aspecto clave para lograr a autodeterminación: a mobilización de masas no resto do Estado en apoio ás demandas das nacionalidades oprimidas. E isto non é ningunha quimera: segundo El País, o 38% da poboación do Estado español apoia o dereito a decidir. É unha porcentaxe altísima que podería aumentar moito vencellando a loita pola autodeterminación coa loita contra o capitalismo, é dicir, coa loita por unha república catalá, vasca ou galega socialista, sen recortes, nin desafiuzamentos nin corrupción, onde a riqueza que os traballadores xeramos sexa xestionada democraticamente para satisfacer as necesidades da maioría da sociedade, no canto de para encher os petos dos capitalistas, sexan cataláns, vascos, galegos ou españois.

 

25 de Xullo de 2017

Podes unirte a través de www.izquierdarevolucionaria.net ou escribíndonos a

Compostela 679 500 266 • A Coruña 639 577 912 • Ferrol 626 746 950 • Vigo 636 217 248

¡Únete a Esquerda Revolucionaria para loitar por este programa!

 

Descargar en PDF

 

 

banneringles

banneringles

banner

banner

banner

banneringles

banneringles

bannersindicalistas

bannersindicalistas